DECÁLOGO SOBRE A MOBILIDADE NA CORUÑA


Decálogo sobre a mobilidade na Coruña

Á luz do Foro de Radio Coruña sobre a mobilidade coas reflexións de Salvador Rueda e as achegas de Carlos Nárdiz, Ignacio Prada, Miguel Rodríguez Bugarín, Juan Bello e o propio concelleiro da área, Daniel Díaz Grandío e tendo en conta as reflexións do público asistente, formulamos o seguinte

Decálogo:

● Como nos grandes asuntos de cidade, cómpre consensuar un modelo entre grupos políticos e diferentes administracións sumando a participación cidadá.

● Diante dun problema de escala metropolitana precisamos solucións metropolitanas pactadas que teñan en conta as necesidades e os hábitos de centos de millares de persoas.

● Toda planificación esixe limitar o uso do vehículo privado e recuperar o excesivo espazo que ocupa para outras fórmulas de mobilidade sustentábel.

● Se como Rueda afirma “o tren é o transporte masivo por excelencia” haberá que impulsar un tren de proximidade aproveitando as infraestruturas que existen. Semella unha cuestión de vontade política e de prioridade no gasto público.

● O transporte público metropolitano lonxe dos intereses dun grupo de empresas debe ofrecer un servizo competitivo e coherente con horarios e frecuencias que atendan as demandas da área, dos polígonos industriais e das grandes concentracións de persoas (Hospital, UDC).

● A bicicleta, coa innovación que supón a eléctrica, lonxe de estar marxinada, debe supor unha alternativa prioritaria para o modelo de mobilidade ecolóxica e eficiente.

● As cidades deben ser lugares para camiñar e andar. Os peóns precisan máis e mellores espazos para que a mobilidade a pé sexa unha opción atraente.

● A intermodalidade é unha nova cultura de equilibrios e colaboración entre diversos tipos de transporte que se estimulan uns a outros e que se complementan.

● O bus urbano coruñés debe dispor de prioridade na circulación por un espazo moi limitado e debe actualizar o seu mapa de liñas e frecuencias para unha nova cidade, con novos barrios e necesidades.

● Tamén cómpre un cambio cultural e de mentalidade no conxunto da sociedade. A mobilidade do século XX é a expresión dunha realidade que xa non existe. Cómpre pór en marcha un novo modelo, sen partidismos, sen localismos, mirando para exemplos de éxito como o de Vitoria-Gasteiz.

Publicado o 29/X/17 en

http://cadenaser.com/emisora/2017/10/29/radio_coruna/1509302601_930852.html

Cataluña: dignidade e despropósitos

O BLOG DE HENRIQUE RABUÑAL

Cataluña: dignidade e despropósitos

Co sincretismo propio dun chío, a presidenta navarra, Uxue Barkos, resumía así o acontecido o día 1 en Cataluña: “Difícil imaginar mayor dignidad que la del pueblo catalán y difícil -penosamente difícil-, mayor despropósito que esta respuesta policial”.

Todas as accións sumadas da legalidade española non fixeron máis que acentuar a tensión e agravar os problemas. As imaxes da actuación policial deron a volta ao mundo e presentaron as reivindicacións pacíficas dun pobo disposto a vencer todas as adversidades para expresarse.

Agora as cousas están peor ca nunca e como afirma o profesor Josep Fontana aquí perdemos todos. Perde Cataluña que se sente máis humillada, acosada e maltratada ca nunca. Perde o goberno español que nin quixo nin soubo articular unha resposta dialogada e pactada ás demandas catalás. Perde a cidadanía do conxunto do estado que fai unha lectura en clave de preocupante regresión democrática do que está acontecendo. E perde unha Unión Europea que se mostra cómplice ou indiferente ante os excesos autoritarios dun estado membro.

Tarde ou cedo, Cataluña votará con todas as garantías e decidirá. Rajoy conseguiu romper todas as pontes e elevar o soberanismo aos seus rexistros máis altos. E perdeu a partida.

E no conxunto do estado? Ninguén é capaz de articular unha resposta dialogada e democrática máis aló de novas ameazas (o 155) que sería botarlle máis leña ao lume?

Dígase dunha vez se a legalidade do 78 xa non dá mais de si. Dígase se é posíbel pactar unha nova legalidade inclusiva, valente e radicalmente democrática. Dígase se en vez de criminalizar a cidadanía catalá somos quen de atender as súas demandas desde a fraternidade. Dígase se queremos ou non restablecer tantos equilibrios rotos.

Se non fixermos nada, se alimentamos a tensión, a represión e a humillación, Cataluña marchará. Porque a impresión que temos, agora mesmo, é que xa está marchando.

(Publicado o 3/10/2017 en http://cadenaser.com/emisora/2017/10/03/radio_coruna/1507048334_268392.html)

TINO, ALMA DEPORTIVISTA

Tino, alma deportivista

A presenza do presidente deportivista no III Foro de Radio Coruña serviunos para unha reflexión sobre unha entidade que é orgullo da Coruña metropolitana, que vive sen desmaio no corazón de case 30.000 persoas e que tamén crea riqueza e emprego.

Tino Fernández domina o rexistro oral, non foxe das preguntas incómodas, é un verdadeiro sedutor que conserva palabras agarimosas para os adestradores que tivo que despedir.

Tino é unha persoa optimista que proporciona tranquilidade na xestión empresarial e financeira do Deportivo pero tamén defende as paixóns e as emocións que encerra o fútbol.

Os políticos presentes parecen respirar aliviados cando o presidente confesa que non lle atrae a política, segue a reclamar xustiza para Jimmy e defende con rostro serio a honorabilidade da entregada parroquia branquiazul.

O equipo comezou a liga con mal pé a pesar da volta de Lucas e o presidente soña cun posto de honra na metade da táboa para un equipo que fixo historia en Europa e que gañou unha liga, dúas copas do Rei e tres supercopas.

O público agasállao con eloxios que agradece e salta ao campo da paixón, ao territorio da alma. O equipo debe reaccionar xa, xogar mellor e escalar postos que traian a tranquilidade.

Cando non sexa presidente, Tino Fernández seguirá sufrindo polo equipo dos seus amores e calando moitas cousas que sabe. Cultivando a arte da sedución.

Publicado o 26 de setembro de 2017 http://cadenaser.com/emisora/2017/09/26/radio_coruna/1506443525_534024.html

PLENARIO SEN PLENITUDE

Plenario sen plenitude

Sobre o Plenario de En Marea do pasado 15 de xullo existen dúas lecturas moi interesadas. Dunha parte de quen prexulga que o espazo de En Marea non é conveniente en ningunha das súas achegas e celebra calquera retroceso. Doutra de quen ve ameazado o seu propio lugar político por quen logrou conquistar a adhesión de 408.370 persoas (xerais, 2015) e situarse no parlamento galego como segunda forza política con 273.523 votos. Con fundamentos antagónicos son dúas lecturas exóxenas, feitas desde fóra do que En Marea é e aspira a ser.

Os espazos políticos teñen unha complexidade superior á dos partidos convencionais porque reciben osíxeno de persoas e colectivos con expectativas, experiencias e ás veces posicións diferentes. Aquí radica a substancia e o valor do espazo. Configúrase como expresión de unidade e confluencia de elementos diversos coa vocación de ser útil á cidadanía galega nun momento de explosión do que temos chamado capitalismo sen alma e cando o réxime de 1978 parece chegar a un momento de reformulación radical. Un espazo que está dotado de abondosa literatura programática e orgánica e que procura integrar no seu seo os estándares máis esixentes en materia de democracia radical, de participación, de autonomía, de feminización ou de ruptura cos alicerces dun sistema corrupto e antisocial. Un espazo que sendo de adscrición individual aspira a ensarillar unha ampla rede de individuos e grupos para ofrecer algo máis ca unha marca electoral: unha saída convincente que nos protexa de tantas ofensas abertamente antidemocráticas.

Habería que vivir nun paraíso ideal para que todas as aspiracións do espazo en construción, en clave interna, e no seu diálogo coa sociedade galega, estivesen consumadas. O Plenario do 15 de xullo é, visto así, como un momento máis da conformación de En Marea. Calquera lectura catastrofista e ningunha das triunfalistas poderá axudarnos a albiscar o futuro.

No Plenario, En Marea desaproveitou dúas palabras que parecen imprescindíbeis. Debate e consenso. Son como dúas caras da mesma moeda, unha divisa que cotiza moito entre as persoas adscritas, mobilizadas e votantes. Ao Plenario chegaron dúas posicións moi diferentes e aínda no caso das votacións máis axustadas parece incontestábel que gañaron as teses oficialistas. Pero no espazo non tocaba, na nosa opinión, o xogo de gañar/perder. E vistas as distancias das posicións cumpriría ter procurado fomentar, antes e durante, unha arbitraxe e desde logo propiciar un auténtico debate con tres obxectivos. Primeiro o de compartir o Plenario un relato acaído do acontecido no espazo desde o último Plenario (17/XII/2016). Segundo o de profundizar na confrontación de ideas das dúas posicións en condicións de equidade. Terceiro, buscar unha solución. Aquí podería vir a cultura do consenso, da cesión, do recoñecemento dos que non opinan coma ti. Sen debate e sen consenso, a dualidade mantívose cunha metodoloxía fría, sen ningunha mediación, con sucesivas votacións que non unían o Plenario e parecían pospor as solucións que haberá que buscar. O colmo da burocracia e da cronometría perpetrouse na imposibilidade de intervir con que se castigou á figura política máis sobranceira do espazo e á figura política galega máis relevante do último medio século.

Así as cousas, perdemos todas e todos. Errou quen entendeu o Plenario como unha ocasión para visibilizar que a dirección de En Marea é quen de gañar as votacións ou de crear unha xustificación para dicirlles no futuro ás persoas críticas: “Isto foi aprobado no Plenario”. Un Plenario debilitado tamén por ausencias que un non chega a comprender e que no seu caso poden comprometer a forza futura deste espazo en construción.

En Marea ten moito que mellorar no capítulo de rendición de contas. Tamén aquí falta a oportunidade de coa extensión precisa as persoas que nos representan nas Cortes, no Parlamento ou que gobernan o espazo teñan ocasión non só de explicar o seu meritorio traballo senón sobre todo de escoitar ás persoas inscritas o que teñan que lles dicir en moitos campos e materias. Representantes, cremos, que tiñan a obriga moral de asistir non a un capítulo do Plenario senón á totalidade dunha sesión maratoniana que esixiu a moitos e moitas un esforzo grande.

Coñecemos en diferente grao a moitas das persoas que estaban no Plenario. Cando saía ou entraba podía ver no mesmo espazo a figuras emblemáticas da política galega das últimas décadas, xunto con figuras emerxentes do momento actual, a persoas moi coñecidas da política e a politoloxía galegas xunto con persoas menos coñecidas pero que representan a magnífica rede humana que se espalla polo país comprometida con En Marea. Vendo e conversando cunhas e outras persoas, pensaba que hai a suficiente intelixencia colectiva e dabondo compromiso limpo para endereitar o camiño. E dío un, respectuoso coas decisións adoptadas, pero que pertence con orgullo e con esperanza ao grupo que pretendía Recuperar en Marea.

(Publicado en www.radiocoruna.com, 20/VII/2017)

MANUEL MARÍA, POETA DA TERRA

“¡ferrados de corazón, fanegas de alma!”

Manuel María [Terra cha]

 

MANUEL MARÍA, POETA DA TERRA

 

Moras no farallón da rosa vermella,

Andas a terra coa navalla e o compás,

Nácesnos en palabras pequeneiras.

Ules a outono, a país e a verdade.

Estás en cada cruceiro, en cada camiño

Lucindo traxe e ollos de home cabal.

 

Manuel María da Terra Cha, da terra toda,

Amor hai en ti que nunca é veleno.

Reiseñor, carpazas, bandeiras e poemas,

Illas tamén posúes e sombras que gorentan

Aos que xebran mapas e cancións.

 

Pousaches en nós a eterna ferida,

Oca e lánguida como a morte,

Estreita como o caramuxo de amar a

Terra galega, torre ben ergueita

Alén do finito, da materia, da historia.

 

Déixame abrazarte, silente, Manuel,

Amosegarme nos cabazos do teu labirinto.

 

Tiñas fame de país e de versos,

Estabas abofé antes ca nós todos,

Rotulando os atallos e as feridas.

Rei en Outeiro, na patria toda,

Acouga agora, no farallón da rosa vermella.

 

A Coruña, no outono de 2015

 

(“Manuel María poeta da terra” foi publicado no volume Manuel María, libro colectivo de homenaxe no seu Día das Letras Galegas, páx. 319, Lugo: Deputación Provincial de Lugo, 2017. O libro foi coordinado por José Estévez López).

 

 

 

DECÁLOGO SOBRE O PORTO E A CIDADE (ECOS DO FORO RADIO CORUÑA)

Decálogo sobre o porto e a cidade (ecos do Foro Radio Coruña Cadena SER)

CONSENSO: A Coruña do século XXI só poderá construírse desde a colaboración, o diálogo e as achegas consensuadas das diferentes administracións e partes concernidas. Os intereses de parte e partidistas substituídos polo interese xeral.

CONSORCIO: Unha empresa pública que garanta a xestión e titularidade públicas dos terreos portuarios no interior do concello parece a mellor fórmula para o deseño e a xestión desa cidade que soñamos. Repartíndose esforzos e compromisos.

CULTURA: As actividades culturais deben ter un oco e unha presenza na reordenación da fachada portuaria.

ECONOMÍA: Existen novos modelos de economía asociados á innovación, á formación ou á tecnoloxía que deben abrirse camiño nos terreos portuarios.

MOBILIDADE: Non haberá ningunha intervención que non teña en conta a mobilidade que debe pivotar sobre a primacía do transporte público, a intermodalidade e o protagonismo do peón e o ciclista.

OCIO: Ao carón dos portos, como vemos en Bilbao ou Valencia, pode concentrarse de maneira ordenada unha parte da oferta de ocio das cidades portuarias.

OPORTUNIDADE: Millares de metros cadrados en zonas tan neurálxicas da cidade deben supor unha oportunidade para a dotación de zonas verdes e espazos públicos na perspectiva dunha arquitectura digna da nova fachada marítima.

PACTO: Cómpre un pacto de cidade que debe liderar o concello buscando a harmonía e o compromiso de todos os actores implicados, institucionais e cívicos. O concello debe impulsar un proxecto elaborado e factíbel.

PARTICIPACIÓN: Xa non se pode pensar a cidade deste século de costas á cidadanía. A xente quere opinar, participar e sentirse ouvida e tida en conta na maior transformación do seu espazo urbano.

REVISIÓN: Os convenios do pasado deben ser revisados. Non poden ser unha espada de Damocles. Debuxan unha cidade e unha cultura urbanística e económica que simplemente non existe nin vai volver existir.

(Publicado en www.radiocoruna.com, 6-VII-2017).

PORTOS E OPORTUNIDADES

Portos e oportunidades

Os portos son un niño de riqueza e emprego e un dos pulmóns económicos das súas cidades e áreas metropolitanas. Por veces son un motivo de fricción entre dúas gobernanzas con intereses diferenciados. A dos propios concellos e a das autoridades portuarias.

Na Coruña debemos aprender do acontecido noutros portos do Estado. Moitos deles tiveron que ampliar ou levar fóra das urbes parte das súas actividades presentándose oportunidades de reordenar e rexenerar os terreos abandonados. Polo que vemos as actividades tradicionais conviven con outras novas referidas ao deporte, ao ocio e ao coñecemento.

A mellor solución pasa sempre por buscar consensos, alimentar diálogos e atender o interese xeral da cidadanía porque falamos de operacións que mudan a alma e o rostro das cidades e que se desenvolven no tempo durante décadas.

Cada porto ten as súas especificidades e debe cumprir a función de motor económico no seu territorio buscando a súa identidade. A Coruña non é unha excepción. As instalacións portuarias de Arteixo tamén son unha oportunidade metropolitana que esixe unha revisión dun convenio asinado en 2004. O concello pretende asegurar a titularidade e xestión públicas dos terreos liberados na faixa litoral da cidade. Uns terreos que en vez de alimento para fracasadas e nocivas inercias especulativas deben ser un agasallo que a cidade se fai a si mesma. Unha restauración.

Un estado moderno e democrático da Europa do século XXI non pode desprezar a opinión do goberno municipal, do pleno no seu conxunto e da cidadanía que xa fixo notar a súa inquietude. Xogámonos moito: un modelo de cidade e de economía, o patrimonio colectivo e a calidade de vida de coruñeses e coruñesas de varias xeracións.

O II Foro de Radio Coruña presenta un debate sobre o futuro do Porto e a fachada marítima coruñesa e convida ao Director Xeral do Consorcio Marina de València, Vicent Llorens Martí, e a Ángel Nieva, director xeral de Bilbao Ría 2000, experiencias en dous portos estratéxicos do Mediterráneo occidental e do Cantábrico. Con eles o noso edil de Urbanismo Xiao Varela. E na esperanza e nos soños de todos o debuxo desa cidade do futuro que agarda por nós.

 

 

Publicado en www.radiocoruna.com (23/VI/2017)

LEMBRANZA DUN DÍA ALEGRE E HISTÓRICO

Lembranza dun día alegre e histórico

O día da toma de posesión de Xulio Ferreiro como alcalde da Coruña vivímolo dentro do Pazo de María Pita hai dous anos. Atendendo unha invitación de Consuelo Bautista para colaborar no programa especial de Radio Coruña tivemos o privilexio de asistir a unha xornada certamente memorábel.

Antes do comezo do pleno movémonos polos corredores e os salóns municipais saudando amigas e amigos e vendo de esguello a Ferreiro ultimando o seu discurso. Tamén unha nube de concelleiros e concelleiras de todos os grupos.

O discurso do novo alcalde emocionounos profundamente. Contra todo prognóstico a cidadanía coruñesa cos seus votos fixera posíbel o milagre. Na praza había unha ledicia contaxiosa. Comezaba unha xeira nova, un capítulo novo diso que a propia Consuelo chama con razón construción colectiva da cidade. Unha cidade que se sumaba a unha oportunidade de cambio como a experimentada por algunhas das grandes cidades do estado, as ben chamadas cidades rebeldes.

O novo alcalde presumía de ser da Gaiteira e de ocupar a súa cadeira na bancada de xeral en Riazor. Nacía ese concepto de intromisión. Xentes que nunca entraran en María Pita agora serían as súas e os seus gobernantes. O novo alcalde enarbora a bandeira do sentidiño e pon o dedo na chaga ao se lembrar das vítimas do desemprego e da pobreza, dos desafiuzamentos e da emigración, ao colocar á xente na améndoa da acción política.

Xulio Ferreiro anuncia unha transparencia integral e unha metodoloxía innovadora, novas formas para un tempo político novo. Apela aos intereses da maioría, á honestidade, ás paixóns alegres, a recuperar as acepcións nobres da palabra “política”, a alimentar a participación nunha nova interacción entre a praza e o pazo, entre gobernantes e gobernados de todos os barrios, clases e identidades.

Gobernar obedecendo tendo en conta que a veciñanza é sempre quen máis ordena. Porque si existe unha maioría social para a que se propón un novo proxecto de cidade mantendo ou reformulando cousas, mudando outras. Fiscalidade, mobilidade, igualdade, ambientalidade, inclusividade son algunhas das ideas que agroman no discurso do alcalde.

Ese día “alegre e histórico” devólvenos e conéctanos co discurso de investidura do alcalde Domingos Merino no mes de abril de 1979 cando os integrantes do goberno ou non naceran ou eran ben cativos. O novo alcalde cita persoas que tratamos e coñecemos como a escritora Luísa Villalta, o poeta Lois Pereiro ou o propio Manolo Rivas. Tamén ten unha lembranza para o alcalde Suárez Ferrín e con el para o poeta Curros Enríquez. Todos estes nomes son tamén unha bandeira e un camiño.

Proclamado alcalde, Xulio Ferreiro pasou polos micrófonos de Radio Coruña e contestou con humildade ás preguntas e ás felicitacións que lle formulamos. Dous anos despois o mellor que se pode dicir deste alcalde é que non nolo cambiaron e que dispón de dous anos para revalidar un proxecto de cidade que con dificultades se vai abrindo camiño. Un proxecto radicalmente fiel ao anunciado hai agora dous anos.

www.radiocoruna.com

 

ECOS DAS PRIMARIAS EN MARÍA PITA

Ecos das primarias en María Pita

Unha das ledicias que nos trouxeron as primarias no PSOE é que hai unha militancia nese partido que non xoga á equidistancia entre o Partido Popular e as forzas que ocupan tamén o espazo da esquerda. Contrariamente ao defendido por Susana Díaz aquel non é o rival e estas o inimigo.

Esa mesma militancia realizou un acto de rebeldía contra os aparatos, as baronías, a xestora e moitos medios que inventaron a posibilidade de que o PSOE puidese avanzar cara atrás no tempo. Unha militancia que non parece comungar coa abstención regalada a Mariano Rajoy e que mostrou a súa discrepancia coa defenestración padecida por Sánchez nas mesmas estancias de Ferraz no Comité Federal do 1 de outubro.

Esa militancia que devolve a Sánchez ao cargo de Secretario Xeral emitiu, en clave galega, unha nota de suspenso categórico a Mar Barcón e a Abel Caballero, a Carmela Silva e a José Manuel García, a Beatriz Sestayo e a José Blanco, a Ricardo Varela e a Pachi Vázquez. Pedro Sánchez gaña nas catro provincias galegas e nas sete cidades e iso debe ter eco en moitas prazas, tamén en María Pita.

Por riba de intereses persoais e partidistas, pensamos que na Coruña hai oportunidades para alentar un proxecto progresista que entre outras cousas impida a volta ao poder do Partido Popular en 2019. Se o Grupo Municipal Socialista escoita á propia militancia, se definitivamente deixa de alimentar o discurso catastrofista e falaz dos populares, se abandona de vez unha equidistancia imposíbel entre reacción e progreso, daquela terá media lexislatura para buscar esa concordia necesaria entre as forzas da esquerda. Parece que llo piden as propias bases, as rúas e os barrios da cidade e militantes que desexan un maior entendemento co goberno da Marea Atlántica.

Afirmar que as primarias non terán repercusión en María Pita supón unha destas dúas cousas. Ou un desprezo maiúsculo ao acontecido e vivido o domingo. Ou unha falta de compromiso coa cidade que se pode pagar moi caro nas próximas eleccións municipais.

www.radiocoruna.com, 23/V/2017

 

ESTEFANÍA E AS VIDAS ROTAS

Estefanía e as vidas rotas

Comezou o seu camiñar o Foro de debate e opinión de Radio Coruña cunha representación moi plural e moi ampla da vida coruñesa, galega e metropolitana

Estefanía verbaliza, case debuxa, as profundas cicatrices da crise e o feixe de vidas rotas que será difícil recompoñer. O universo que describe é real: pobreza, paro, desigualdade, precariedade, desprotección e como síntoma transversal a desconfianza.

Vidas rotas da nosa mocidade, vidas rotas das mulleres, vidas rotas dos maiores de 45 anos e eu engadiría tamén as vidas rotas deses maiores que renuncian a unha parte da súa exigua pensión para coser as vidas dos seus.

Di con razón Joaquín que a esta Europa lle falta un piar básico, o social, que retrocedemos como sociedade en dereitos de todo tipo, que existe unha fenda xeracional entre a xente nova e a maior, que temos que equilibrar a tensión entre democracia e capitalismo. Certo, eses opacos mercados gobérnano todo.

O panorama é preocupante, coa crise europea da socialdemocracia ás veces con propostas cuspidiñas ás dos conservadores e cunha ultradereita que se fai forte no continente e que aínda sen gobernar inflúe xa na axenda política global.

Quedaron moitos asuntos por abordar como as novas organizacións e alianzas políticas que agromaron nestes anos. O Foro promete novos debates ligando o local e o universal, compartindo incertezas e análises, polifonicamente como ben dicía o alcalde Ferreiro.

www.radiocoruna.com, 5/V/2017