DOMINGOS MERINO, A PEGADA DA DIGNIDADE

Domingos Merino, a pegada da dignidade

No ano 2019 cúmprense 40 das primeiras eleccións municipais deste período democrático. Ocupaban daquela escano en María Pita co alcalde Merino concelleiros de diversa cor política, algúns xa non están connosco, que son parte da memoria e da historia da cidade. López Menéndez, Jaime Meilán, Rafael Bárez, María Jesús Porteiro Tuñas, César Cobián, Antonio Carro, César Pintos, Enrique Carreira, Carlos Sabell ou José Rodríguez Longueira pertencían á Comisión Municipal Permanente. Tamén eran edís Margarida Vázquez, Alfonso Mallo, Xoán Pombo, González Dopeso, Fernando González Laxe, Emilio Quesada, Segundo Pardo, Vázquez Pozo, Campos Romay, Enrique Marfany, Remeseiro, Rey Pichel, Pura Barrio ou Pilar Valiño.

Acaba de deixarnos o alcalde Merino (1979-1981), un traballador veciño da rúa Marconi, nas libertarias Atochas de Monte Alto, que sumaba na súa biografía política a tripla condición de republicano, nacionalista e home de esquerdas. E que aos 39 anos se converte no primeiro alcalde democrático da cidade logo da ditadura franquista. A súa xestión en período tan breve como convulso estivo protagonizada por tres elementos moi relevantes. Por un lado a xestión propiamente dita alentando un novo Plan Urbanístico deseñado polo equipo de Bárez. Por outro unha emblemática política de xestos. Finalmente por unha persistente operación de acoso que encontrou o seu caldo de cultivo nos perversos debates sobre a capitalidade do país e no clima desatado polo 23F.

No respecto á xestión hai un discurso urbanístico que parece situarse nas antípodas do que desenvolveu despois o vazquismo e unha preocupación pola dotación de centros educativos, mercados e equipamentos básicos.

Xestos emblemáticos son a aposta pola participación cidadá e a transparencia, o uso do noso idioma e bandeira, a retirada de simboloxía franquista, vestir sen gravata cando quería ou a non participación en actos relixiosos. Non deixa de ser tamén elocuente que un novísimo Manolo Rivas fose o xefe de prensa do Concello durante o seu mandato.

Naquela Coruña de 1979 era moi perceptíbel a presenza de elementos predemocráticos e moi activa e forte a acción de poderes non democráticos que sempre entenderon a cidade como unha vaca da que extraer toda a súa riqueza, como un xoguete que debía combinar todas as enerxías para encher os petos e a influencia dos de sempre. O poder político debía entrar na roda pero nesa roda Domingos Merino e o que el representaba, un taboleiro de xadrez con normas limpas ao servizo da xente, non encaixaban. Non era en absoluto monárquico, se cadra insuficientemente constitucionalista, e desde logo tiña unha visión da cidade lonxe de localismos antigaleguistas, allea á demagoxia da capitalidade e solidaria coa rica tradición do mellor liberalismo, das Irmandades da Fala ou da loita antifranquista.

Domingos Merino logo de deixar a alcaldía tivo unha longa carreira política como deputado en tres lexislaturas no noso parlamento e como Vicevaledor do Pobo. No ano 2014, cando se cumprían 35 anos da súa proclamación como alcalde, rendéuselle unha homenaxe no Circo de Artesáns coruñés. Cando Xulio Ferreiro tomo posesión en 2015 estableceu unha ligazón simbólica coa alcaldía da Unidade Galega de Merino que colleitara 15000 votos e cinco concelleiros en 1979. Algúns paralelismos, moi evidentes, poderán establecerse segundo pase o tempo.

Hoxe no momento de despedilo quédanos de Merino o movemento meditado e elegante das súas pezas no taboleiro da vida e da política. Deixou unha pegada que non se poderá borrar, que non queremos borrar. Unha pegada de dignidade dun servidor público. Dun galego orgulloso de selo. Dun coruñés desoutra Coruña popular e combativa, tantas veces invisibilizada. Discreto, respectuoso e firme nas súas conviccións. Estamos convencidos que esa pegada que chegou a nós chegará tamén ás novas xeracións que queiran recoñecer a historia da súa cidade e do seu país.

http://cadenaser.com/emisora/2018/01/31/radio_coruna/1517433784_233211.html

31/I/2018

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *