INFORMAR E COMUNICAR

Informar e comunicar

O V Foro de Radio Coruña tivo dous protagonistas. Dunha parte a figura de Ángel Gómez Hervada lembrada e homenaxeada en tantas ocasións aos dous meses do seu pasamento. Doutra parte o rico debate sobre a información no seo dunha sociedade democrática. Un debate que abrangueu os diferentes medios de comunicación, perspectivas profesionais e ideolóxicas moi diversas, retos e problemas esixentes e que se veu enriquecido por un público que tamén puxo o dedo na chaga ao esixir unha información veraz, cabal e libre.

Coincidencia plena na necesidade de medios rendíbeis, de profesionais ben pagados e protexidos. Necesidade de ordenar a sobreinformación e de combater as fake news, a información nociva, o sensacionalismo, a manipulación e o chamado “yelow journalism”. Necesidade de acometer permanentes actualizacións tecnolóxicas e conquistar novas formas de acceso e uso da información aproveitando a oportunidade das redes sociais.

Necesidade de loitar polo pluralismo, de pagar pola información rigorosa, de procurar o motivo das cousas que acontecen, de revivir o xornalismo de sempre, de investigación, de crítica, de fiscalización de todos os poderes, desde o político ao económico. Necesidade de estimular e considerar a participación da cidadanía consumidora de información

Os medios teñen entre mans un dos nosos dereitos fundamentais, o dereito a unha información veraz sen a cal non podemos ser verdadeiramente libres nin sentirnos plenamente mergullados nunha sociedade democrática.

Cando falamos de información local xa non temos que investigar o case anónimo copropietario deste ou daquel medio. No noso caso pensamos nas mulleres e nos homes que fan Radio Coruña, banda sonora de tantas persoas durante moitas décadas. A voz que nos fala no auto, na casa, no traballo, na rede. Os seus servizos informativos, a súa programación deportiva, o seu magazine diario, o decano “El Coruñés Opina” teñen nomes propios. Consuelo, Marcos, Isabel, Elena, Maite, Teba, Fran, Adrián. Tamén os equipos técnicos e administrativos. E a extensa nómina de colaboradores que tamén son, somos, a radio, a cidade e a sociedade plural.

Moitos dos valores e dos sinais desa radio próxima, comprometida, plural e rigorosa son os que Anca encarnaba. Ogallá esa información de calidade prevaleza. E que entre todos e todas a fagamos posíbel.

http://cadenaser.com/emisora/radio_coruna/

29/I/2018

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *