O premio Álvaro Cunqueiro de Teatro 2016. Suite Artabria

O premio Álvaro Cunqueiro de Teatro 2016. Suite Artabria

Henrique Rabuñal

 

Suite Artabria de Manuel Lourenzo recolle os tres textos premiados co Álvaro Cunqueiro de teatro (2016), as tres estampas desoutra Coruña tribal, barrial e decadente, paisaxe artábrica.

Daguerrotipos decadentes e diferentes pero que o autor prevé con razón nunha realización escénica conxunta por complementaria, conxunción que atopa un estimulante pegamento na común tonalidade e nos múltiples movementos musicais da suite.

As tres pezas do volume levan a pegada da alma dunha cidade moi vivida e de tres barrios coruñeses emblemáticos: Orzán, ao carón do ruxido do mar, O fulgor das Atochas en pleno Monte Alto e Alerta na rúa do Pozo (na Falperra ou Rabiada por acoller a presenza xudía).

Orzán é a primeira viaxe ao abismo. Dous irmáns agochan a morte da nai para vivir da súa pensión e aferrarse á utopía de montaren un bar nun antro inserido nun edificio que os expulsa logo de trinta anos. Rus, unha orfa criada con monxas, emigrada en Arcachon, traballadora dunha barra americana, mantén relacións sucesivas cos dous irmáns e controla os seus movementos. O irmán máis débil, doente dun enfisema letal, mata ao pai dunha navallada defendéndose da súa agresión. Un tipo violento, agresor sexual e maltratador que abandonara a familia. O outro irmán agocha o seu cadáver para regresar ao inferno definitivo.

O fulgor das Atochas ten en primeiro plano a tentativa de desafiuzar no popular Monte Alto unha parella a mans dunha construtora representada por un xubilado comisario da policía. El pasou de boxeador a saxofonista e padece unha cardiopatía. Ela unha muller brava e resistente. En segundo plano evócanse os tempos da ditadura cando o comisario, agora doente dun enfisema pulmonar,  torturara e violara á muller da casa, a mesma que consegue acabar coa vida do comisario envelenándoo en pequenas pero efectivas doses. A parella consegue a documentación do ático ruinoso e pensa en casar.

O ton expresionista destas dúas pezas muda na derradeira, Alerta na rúa do Pozo, que xira tamén en torno aos fantasmas dun pasado que pesa na vida dos personaxes. A desaparición de Herminia, a busca teimuda da súa fortuna, o suicidio de Perico logo de arruinar a Óscar e seus avós e a morte de Aldao a quen lle pretenden cobrar polas veces que comeu na casa de Ramón enchen os dous actos. Historia de vellos enfermos e con remorsos, de vellas paixóns e historias de amor imposíbel no barrio da Falperra, ao carón de todas as Coruñas.

De cara á súa tradución escénica moitas conexións hai entre as pezas. E entre estas e outras obras de Lourenzo convertido como agora en perspicaz cronista do noso mundo e os seus moitos infernos, patentes ou maquillados. Pezas inoculadas dunha ollada sen contemplacións que penetra biografías atormentadas nas que paira a historia da cidade do autor, tantas veces negada ou maquillada. Tantas veces oculta.

Os escenarios barriais e sórdidos, a violencia en diversos formatos, a situación límite á que chegaron os personaxes, os momentos e espazos crepusculares, a música e as artes, as doenzas severas e graves, a morte que cambalea polas escenas como unha certeza, a memoria desa Coruña popular, sombría e resistente, a vellez, a frustración, a traxedia.

Seres que pretenden inventar unha saída cando xa non existe ou aferrarse a unha solución catártica que é unha porta aberta a novos desastres.

A complexa biografía de seres que ultrapasan a liña vermella que os conduciu ao abismo e ás súas estancias, propio deste tempo de noso, doutros pretéritos dramáticos, contado coma sempre no galego excepcional e auténtico de Manuel Lourenzo, a grande figura do teatro contemporáneo como confirman estas pezas nas que agroma unha arquitectura teatral e un talento rotundos.

[Publicado en Grial, 216, 2017, páx. 91]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *