REPENSAR AS IRMANDADES DA FALA


Repensar As Irmandades da Fala

Publícase estes días o volume que recolle o case medio cento de traballos presentados ao Simposio que ao redor das Irmandades da Fala promoveu o Museo do Pobo Galego en colaboración con fundacións e institucións do país hai agora un ano.

2016 fora declarado con xustiza Ano das Irmandades da Fala, protagonistas da exposición “Saúde e Terra, irmá(n)s!” e do citado Simposio. O volume que comentamos é unha revisión profunda e multidisciplinar sobre a pegada que o labor irmandiño deixou na nosa historia máis recente iluminando non poucos aspectos até hoxe insuficientemente estudados.

Nas páxinas de Repensar Galicia. As Irmandades da Fala e logo de establecerse o marco político dos casos galego, catalán e vasco, a obra organízase en cinco bloques temáticos dedicados ao pensamento, a organización, as letras, as ciencias e as artes e que permiten cubrir todas as áreas das Irmandades.

Desde a participación das mulleres ás relacións co anarquismo e o agrarismo, desde a lingua, a literatura, o teatro ou o xornalismo até a economía ou o labor dos coros, desde antropoloxía ou a xeografía até a pedagoxía, desde a simboloxía ou a música á análise da obra de artistas tan sobranceiros como Maside, Díaz Baliño, Castelao ou Asorey. Por non falar da inclusión doutros procesos políticos europeos tan emblemáticos como o irlandés, o polaco ou o portugués ou a represión sufrida polos membros das Irmandades.

A edición desta obra na que tivemos a honra de participar foi posíbel grazas á Consellería de Cultura e Educación da Xunta e ao impecábel labor de edición de Justo Beramendi, Uxío-Breogán Diéguez, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Mª Pilar García Negro e Xosé Manuel González Reboredo. No seu conxunto permítelle á cidadanía de hoxe e coa espléndida perspectiva dun século repensar a súa historia e mirarse no espello daqueles homes e mulleres que soñaron sen dúbida un país mellor, decidido a defenderse de todas as adversidades históricas e a construír democraticamente o seu porvir.

(Publicado o 21/XII/2017 en http://cadenaser.com/emisora/2017/12/21/radio_coruna/1513875455_961626.html)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *