COMUNICACIÓN POLÍTICA E DISCURSO EN A NOSA TERRA (1916-1918)

COMUNICACIÓN POLÍTICA E DISCURSO EN A NOSA TERRA[1] (1916-1918)

HENRIQUE RABUÑAL

I

Queremos comezar felicitándonos pola pluralidade e inclusividade con que se gobernou este Simposio que se vén unir a un conxunto de iniciativas para coa distancia dun século revisar o alto significado das IF e a súa influencia na Galiza actual. Velaí os libros e traballos publicados este ano como, entre outros, os coordinados por Luís Cochón, polo profesor Diéguez Cequiel, as antoloxías da Academia, o monográfico da revista Murguía (32) ou a espléndida obra de Emilio Xosé Ínsua (2016)[2].

Na presente comunicación faremos unha reflexión das formas de comunicación política que se conteñen en ANT (1916-1918) tratando de comprender e repasar o funcionamento global dos seus redactores e colaboradores e para captar os grandes asuntos que constitúen o argumentario irmandiño, repetido por moitos autores. Sendo estes tantos decidimos facer unha selección e centrarnos nas colaboracións escritas nestes primeiros anos dos irmáns Villar Ponte, de Peña Novo, Porteiro Garea, Xaime Quintanilla e o profesor Viqueira, vinculados ás tres grandes localidades coruñesas: Compostela, Ferrol e A Coruña, cidade esta onde se concentra o maior número de seguidores das IF, capital humana do movemento e desde onde traballa o equipo que fai posíbel ANT. Son autores que xunto a outros constitúen esa “xeración do 16” de bravos “loitadores” de que fala nun espléndido escrito Ramón Villar Ponte (1977).

Sabemos que na bibliografía galega existen moitas monografías e traballos, comezando polos do profesor Beramendi[3] que de diversa maneira se achegan á comprensión do que supuxeron as IF na política e na cultura galegas.

A primeira conclusión á vista destas achegas é que temos que sentirnos en moitos aspectos herdeiros daquelas persoas que hai 100 anos encetaron, insinuaron ou practicaron nun entorno moi hostil discursos e accións moi válidos e estimulantes para a política e a cultura do noso país. Para a defensa e cultivo do noso idioma e para a existencia do que hoxe chamamos “suxeito político” referido a Galiza. E para tantas outras cousas que se están debullando nas sesións deste Simposio.

II

Non sería difícil establecermos numerosos paralelismos coa situación actual. A pesar das moitas distancias innegábeis. Sinalaremos algúns. A dialéctica e o enfrontamento cos partidos do “turno”, hoxe serían da casta ou como pouco do sistema, sempre reticentes a que se discuta o seu funcionamento e a que se dispute o espazo que pretenden ocupar sen ningunha (con)cesión. A visión moi crítica co sistema da restauración borbónica, moi centralista, moi caciquil e cun prototipo de político profesional en xeral nada escravo dos intereses da maioría social. Ou moi xordo perante as súas demandas. A necesidade de tomar partido na política do estado para que exista xustamente outro modelo de gobernanza e de estado, sumativo, inclusivo, verdadeiramente plurinacional diríamos hoxe.

O papel duns medios de comunicación, hoxe acontece cos impresos, e non só, que antepoñen os intereses do sistema porque fan parte del. Porque se retroalimentan mutuamente.  A fixación dunha axenda política que descende da afirmación nacional de Galiza e a demanda de autogoberno e autonomía, a cuestións moi concretas en materia económica, nas comunicacións, especialmente ferroviarias, no dereito á vivenda, á sanidade ou á educación.

Nas relacións con outras nacións do estado, en particular con Cataluña pois xa daquela existe o que algúns chaman a cuestión catalá, e a atención brindada a outras nacións asoballadas que logo da primeira gran guerra protagonizan episodios emblemáticos, caso de Polonia ou de Irlanda. Tamén na axenda as relacións, culturais e non só, con Portugal e as divisións internas, as desercións, as crises sucesivas que os irmandiños viven case de xeito sistémico e permanente.

Como vemos moitas concomitancias e moitos problemas que lonxe de se resolveren parecen enquistados endemicamente. A ditadura franquista non resolveu ningún e ao parecer a transición e as súas medicinas tampouco acaban de ser efectivas. As IF nacen nun momento de agonía e esclerose da restauración previa á ditadura de Primo de Rivera, con lexislaturas breves e conflitivas, con altas doses de corrupción e caciquismo, cun “turnismo” degradante, con alta conflitividade no mundo laboral e agrario e coa reconfiguración que vai supor na escena internacional a I Guerra Mundial.

III

Sendo os campos de análise tan vastos e complexos, limitaremos a nosa reflexión aos primeiros 56 números de ANT publicados decenalmente entre o 14/11/1916 e o 30/5/1918 cando se cumpría o segundo aniversario da fundación das IF.

Non é a primeira vez que revisamos[4], sempre marabillados do espléndido material que contén, os contidos de ANT[5], cunha tiraxe de entre 1000 e 2000 exemplares e que nesta primeira etapa dirixe Antón Villar Ponte e conta coa colaboración das primeiras figuras do movemento e con outras moitas máis periféricas e menos permanentes. ANT[6] é un boletín decenal[7] presentado como “Idearium da Hirmandade da Fala en Galicia e nas colonias gallegas d’América e Portugal”, apareceu na Coruña o 14 de novembro de 1916 e desapareceu o 17 de xullo de 1936. Nesta primeira etapa aínda non se produce unha forte división interna (Beramendi fala acaidamente de “nacionalismo unido”) aínda que si notábeis desercións dalgúns dos máis entusiastas da primeira hora. Caso do idolatrado Rodrigo Sanz, de Ribalta, Carballal ou Valcárcel. Posteriormente ANT foi o boletín da IF coruñesa, logra subsistir durante a ditadura de Primo de Rivera para logo converterse no órgano do Partido Galeguista.

Algúns temas privilexiados son as eleccións municipais de 1917 nas que os irmandiños non concorren con candidaturas propias[8], as folgas de agosto de 1917, as eleccións xerais de 1918 resolvidas sen a consecución de deputados, a preparación da Asemblea de Lugo ou os debates lingüísticos e ortográficos, o seguimento do exemplo catalán e xa na esfera internacional a revolución soviética e o desenlace da I Guerra Mundial.

ANT informa da expansión e conformación do movemento nacionalista e nestes anos parece centrada en espallar e argumentar un nacionalismo por riba de partidos e de ideoloxías concretas, que acolle laicos e crentes, socialistas e krausistas, progresistas e conservadores, vellos agraristas e rexionalistas con xente moza máis soberanista.

Unidos todos na defensa dos intereses materiais e da dignidade nacional de Galiza, vista e sentida moitas veces como un país marxinado, humillado e abandonado. Maltratado nas súas necesidades económicas, nas infraestruturas que non se lle conceden, no desprezo dun sistema e dunha clase política xorda ás súas demandas. Multiplícanse consecuentemente os chamamentos á cidadanía para que esperte e conquiste a súa dignidade e os seus dereitos colectivos.

A reivindicación e o debate sobre a lingua percorren todos os días da publicación, monolingüe e moi comprometida[9]. Normalizar e normativizar o idioma. Que sendo procesos diferentes camiñan moi asociados na medida que o aumento do uso vai facendo precisa a fixación dunha norma culta para os usos escritos. O compromiso co uso da lingua é esencial. Nela reside para os irmandiños o máis xenuíno e imperecedoiro da nación.

Uso oral en actos políticos, conferencias e xuntanzas en boca de grandes figuras das letras, o xornalismo, a vida académica. Galego para todas as funcións, para todas as ocasións, para todos os xéneros. Tamén para a actividade e a comunicación políticas. Na importante actividade teatral privilexiada e animada polas IF en diversas vilas e cidades. Na administración, na xustiza, no ensino.

E tamén agroma a conciencia de que hai que construír un galego depurado que algúns irmandiños pretenden conquistar coa aproximación ao portugués con todas as vantaxes e posibilidades que encerra. Cando rescatan fragmentos do Teatro crítico do Padre Feixóo subliñan a súa idea de inserir o galego no portugués na medida en que Portugal tomou de Galiza o idioma que non é “subdialecto” do castelán. Nese contexto hai que entender a publicación, entre outros materiais, das esquemáticas trinta e seis páxinas do Compendio de gramática galega de Leandro Carré publicado coas iniciais R(amón) A(lvariño)[10] como parte dunha “Bibrioteca Galeguista”.

E arredor da lingua a literatura, dos clásicos e dos novos, dos poetas medievais e dos mozos, en verso e prosa. Incluíndo por vez primeira xéneros como o ensaio, o xornalismo, a oratoria ou o teatro escasamente cultivados en galego nas épocas anteriores.

E nun lugar moi principal a figura de Ramón Cabanillas e o seu libro Da terra asoballada (1917) que recolle o discurso anticaciquil e denuncia a situación dos labregos galegos escravizados. Cabanillas dedica os poemas a Rosalía, Curros, Pondal, Brañas, Murguía, Basilio Álvarez, Antón Villar Ponte, Severino N. Otero e o emblemático “¡En pé!” a Lois Porteiro. A súa obra teatral A man de Santiña ocupa tamén un lugar central no teatro destes anos sendo a obra coa que debuta o Conservatorio Nacional de Arte Galega en 1919 e unha das máis representadas polo noso teatro antes da guerra civil.

E coa literatura o teatro, peza estelar do proxecto nacionalista e xénero cultivado por varios persoeiros do movemento, pero tamén as artes plásticas (con gabanzas a Castelao e á temática enxebre e folclórica de Fernando Álvarez de Sotomayor), a música e o folclore. Textos doutros espazos culturais, o español, o catalán, o portugués, tamén teñen cabida en ANT. E a intención de alimentar unha mitoloxía propia con Pardo de Cela, o Padre Feixóo, os Mártires de Carral e as grandes e veneradas figuras do rexurdimento (Rosalía, Pondal e Curros). E de criticar a aqueles que tendo como imperativo o cultivo do idioma e a defensa do país non o fan ou fano de maneira cativa e contraditoria.

Pero ANT nace para ofrecer outro punto de vista sobre a vida política no estado e en Galiza. Para informar dos conflitos e loitas que se suceden cada pouco, para espellar a situación complexa do noso agro, para cuestionar a pasividade dos caciques que se repartían o territorio ferrado a ferrado, “provincia a provincia”, para falar de aranceis excesivos, de eleccións sempre esixentes, do Ferrocarril da Costa ou do que chamaríamos hoxe unha axenda social.

As relacións con Cataluña van ser moi determinantes nestes meses. En 1917 celébrase unha Semana Galega en Cataluña coa presenza de Antón Villar Ponte, Porteiro, Peña Novo, Banet ou Rodrigo Sanz e logo unha Semana Catalá en Galiza coa presenza de Cambó ou Puig i Cadafalch, presidente na altura da Mancomunidade catalá, en varias capitais galegas como A Coruña, Lugo, Compostela ou Vigo. Estaban postas as bases da colaboración coa conservadora Lliga Regionalista con vistas ás eleccións xerais do ano 1918, logo do escaso éxito colleitado polos nacionalistas nas municipais do 17 cando non presentaron candidaturas propias. Os candidatos irmandiños agora tamén resultan derrotados. A Lliga puxera a disposición dos nacionalistas o xornal El Noroeste onde acompañan a Villar Ponte primeiras espadas das IF. Emilio Xosé Ínsua (2016) establece relacións entre as IF e Nostra Parla. Nostra Parla foi unha entidade creada en 1916 por cataláns das illas Baleares, do país valenciano e do Rosellón (a Cataluña do Norte que hoxe se corresponde co departamento francés dos Pirineos Orientais). Nostra Parla lembra as nosas IF porque posúe delegacións en varias localidades, promove cursos de catalán, propón o uso do catalán no cinema ou no comercio e establece a Diada de la Llengua Catalana ademais de contar coas súas revistas e boletíns. Nesta época os irmandiños estaban moi atentos á maneira de obrar do catalanismo político a pesar das múltiples diverxencias entre a nosa situación e a súa.

En moitos textos irmandiños considérase que a I Guerra Mundial permitiu o renacemento de varias nacións asoballadas de Europa. Son aludidos moitas veces e por importantes autores, entre outros, os casos da independencia de Finlandia ou Polonia así como a rebelión de Pascua de 1916 en Irlanda. Era a hora das nacións. Algunha vez debía tocarlle ás inseridas no estado español parecen dicirnos. Sobraban exemplos de que mesmo en situacións de dominación secular a alma nacional pervive, en especial cando se manteñen, como acontece no caso galego, trazos nacionais tan relevantes como a lingua propia.

IV

Atopamos numerosas seccións na andaina de ANT nestes números. Algunhas das máis permanentes “Peneirando”, “Cadro Branco/Cadro Mouro” ou “Novas da causa”.  Na primeira abórdanse temas políticos e lingüísticos, faise crónica dos máis variados acontecementos e estimúlase o avance urbano do movemento irmandiño. No “Cadro branco” aparecen as noticias de propaganda, aplauden a quen defende a política lingüística das IF ou palestras en galego dos irmandiños; no mouro o pésimo servizo de tren ou o pouco uso do galego en actos como unha festa en honor de Rosalía. Nas “Novas da causa” infórmase de excursións, conferencias, da expansión territorial das IF, clases de galego, teatro, a xira de Cambó,  a creación de coros nas IF, a figura de Pardo de Cela, homenaxes a figuras moi queridas como Manuel Lugrís, certames, noticia de novos irmandiños da fala, actividades galeguistas en Madrid ou América e a crítica porque o tren que une Compostela con Coruña tarde 30 horas en facer o seu traxecto.

Coñecemos a andaina do movemento e as reviravoltas da súa penetración, organización e aceptación nas diferentes vilas e cidades. Logo da Coruña as IF constitúense en Ourense, Ferrol, Betanzos, Compostela, Monforte, Pontevedra, Vilalba, O Carballiño, Vigo, Melide, Mondoñedo, A Estrada, Vilagarcía, Lugo, Ortigueira, Muxía, Baiona, Arzúa, O Valadouro, Ribadeo ou Viveiro. Algunhas agrupación teñen unha vida breve, outras son máis duradeiras.

Sublíñase o positivo, os azos conquistados, os éxitos. Tamén se critica ao adversario e todo aquilo que se considera contraditorio ou desleal co ideario irmandiño. Desde o número 8 consolídase a publicidade en ANT. Outras seccións son “D’actualidade”, “Os poetas d’agora”, “Follas novas”, “Tribuna libre”, “Custiós económicas”, “Palabras do mestre”, “Lerias da vila”, “Ouro vello”, “Tribuna libre”, “Feitos e cousas”, “Escola do idioma gallego”, “Actos de propaganda”, “Nazonalismo gallego”, “Queixas dos pobos”, “Lendas galegas”, “Letras irmáns”, “Ouro castelán/ouro catalán”, “Páxina(s) escolleita(s)”, “Os nosos mortos falan”, “Efemérides galegas” así como traducións de clásicos do castelán e doutros autores non galegos. De moitos textos responsabilízase “A Redaución” e outros aparecen sen asinar e en forma de soltos nos que agroma o argumentario irmandiño (que Zamora non fale por Galiza, afirman) sen desatender a busca de subscritores para ANT e promover a expansión territorial e social das IF. Tamén atopamos unha longa lista de pseudónimos, algúns identificados, outros aínda non.

V

Son moitos e moi relevantes os autores que publican en ANT. Entre os máis activos nestes anos están Rodrigo Sanz, Ramón Cabanillas, Xosé Iglesias Roura, Manuel Lugrís Freire, Ricardo Carballal, Leandro Carré Alvarellos, Florencio Vaamonde, Victoriano Taibo, Gonzalo López Abente, un redactor que asina Xan Labrego, Antón Valcárcel, Eladio Rodríguez González, Rodríguez Castelao, Manuel Banet Fontenla ou Victoriano Taibo.

Tamén publican en ANT Hixinio Ameixeiras, M. Arias Portela,  E. Balás, Augusto Barreiro, Lisardo Barreiro, Emilio Bidegain, Blanco Torres, Cabo Pastor, Carré Aldao, Antón Cazón Gómez, Correa Calderón, O Coutelán, Antón Chao, César Escudero López, R. Faginas, Xesús Fariña, W. Fernández Flórez, Fernández Merino, Luís Fernández Mouriño, FSLQ, A. García Hermida, Augusto González Besada, Xan González Páramos, Francisca Herrera, Manuel Insua Santos, L.,  Manuel María, Jenaro Mariñas, F. Martís Morás, MGB, Xavier Montero, Eduardo Nogués, Noriega Varela, Manuel Núñez González, Ortiz Novo, José Paredes, Aureliano Pereira, Xan Pla Zubiri, Manuel Ponte de Fontán, Prado Lameiro, Xan Quinto, o alemán veciño da Coruña Luís Ramspeck, Rey Soto, Rey Varela, Aurelio Ribalta, Rodríguez de Carricarte, Rodríguez Elías, Emilio Rodríguez Lema, José Rodríguez Ojea, San Luís Romero, A. Santos Vila, B. Varela, E. Vázquez Gundín, N. Vidal Pita, Mercedes Vieito Bouza ou unha persoa que asina X.

Como se ve poucas mulleres aparecen na lista.  Mercedes Vieito (1887-1960), galego-cubana con orixes nas Somozas foi mestra e xornalista. En 1907 pronunciou un discurso en castelán na Habana por mor do aniversario da fundación da Academia. Nese discurso alén de defender a súa galeguidade defende ás mulleres, en particular a tres mulleres galegas que ela considera ilustres: Rosalía, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. As IF tiñan unha sección de mulleres, moitas delas aparecen citadas nos cadros de declamación formados nestes anos. No caso coruñés pertencían ás IF entre outras Elvira Bao, María Miramontes, Rosa Martínez, Ermitas López e as irmás Chao Maciñeira (Micaela, Teresa e Carmen). Aurora Marco (2016) ofrécenos o singular exemplo de Amparo López Jean. Cursou o bacharelato, estudou música e pintura, foi profesora, era amiga de Castelao e tivo sete fillos con César Alvajar. Na época da II República desenvolveu unha notábel actividade.

Os temas que abordan estes autores son recorrentes. O da lingua nun lugar sobranceiro, a defensa do seu uso na liturxia, na administración e na xustiza, a necesidade de termos mestres que defendan e introduzan a lingua no seu traballo, o propio modelo de lingua que debe usar e impulsar ANT, a actividade literaria, teatral, musical e cultural en xeral, as referencias ao caciquismo e o centralismo, temas económicos referidos á produción de trigo ou as conservas, as numerosas aldraxes que padece o país, a convicción de o nacionalismo poder redimirnos colectivamente como pobo se a conciencia nacional une enerxías por riba de diferenzas ideolóxicas.

VI

Antón Villar Ponte[11] (1881-1936), viveirés e  boticario, é a figura central das IF. Foi o político que uniu o federalismo republicano e o nacionalismo nunha loita de intensa actividade xornalística (10.000 traballos), cunha obra dramática meritoria[12] e cunha acción política culminada coa súa condición de deputado da II República. A el débeslle un colosal uso oral e escrito do galego e un labor político e cívico infatigábel. Vive en Cuba (1908-1910), como farán despois Cabanillas ou Basilio Álvarez, cultiva o xornalismo e dirixe o cadro de declamación Rosalía de Castro entrando en contacto con quen será a súa muller Micaela Chao Maciñeira e as súas cuñadas Teresa e Carme, as tres actrices do cadro.

En 1910 volve á terra para vivir do xornalismo, viaxando por Portugal comprende os alicerces da cultura común galegoportuguesa. En 1912 entra na Voz como redactor coa sección “Con letra del siete”, e en 1915 preside a Asociación da Prensa. Antón matinara nunha liga de amigos de Galiza,  ten en mente a cuestión nacional en Europa para combater a “rexa colonización castelá”. No marco da restauración había que armar un discurso plural e transversal, cun denominador común: a defensa de Galiza como nación, da súa autonomía, da súa lingua e cultura e do seu progreso económico.

É así que propón crear unha Liga de Amigos do Idioma Galego e publica (1916) dúas edicións do seu Nacionalismo gallego: un chamamento a defender a patria natural, “pueblo libre con personalidad histórica”, un reclamo de autonomía para as “regiones naturales”, unha mestura de rexionalismo e federalismo republicano que permitise loitar por Galiza. Asoballada por Castela, Galiza debe constituír unha federación ibérica, tamén con Portugal, na que cada nación teña o seu goberno e parlamento mentres a federación se ocupa da moeda, a defensa ou as relacións exteriores. O programa concreta un mapa administrativo, unha política fiscal e económica, lingüística e cultural para frear o espolio do país e dotalo de modernas infraestruturas e duns niveis de benestar óptimos. En 1922 Villar Ponte padece e dalgunha maneira protagoniza a escisión no seo das IF[13].

Antón Villar Ponte ou ANVIPO está moi presente en ANT, tamén en textos sen asinar.  En “A bandeira ergueita”(1) defende a necesidade de medios escritos en galego, pretende superar o rexionalismo en español e conquistar para a causa a mocidade vilega. Para el Galiza é unha patria natural con lingua de seu pero hai que buscar a resolución de problemas económicos mudando o réxime político español.

Cómpre buscar tamén a irmandade con Portugal, seguir o exemplo catalán e as súas achegas. Critica Antón noutros traballos a política caciquil que actúa en contra dos intereses e do ben común e insiste na necesidade de ter medios de comunicación propios como ANT. Maniféstase en contra da oligarquía que crea pobreza, escravitude e servilismo. Estas palabras parecen pensadas para a situación de 2016.

Homenaxea a Pardo de Cela considerado un símbolo da morte das liberdades galegas. Para el a lingua é máis forte que as armas. Realiza unha intensa defensa do ferrocarril Ferrol-Xixón. Hai que cambiar a clase política, cómprenos un Cambó galego, dise a prol dunha España honrada, moral e culta que invista no necesario para a xente. Outra vez parece que está falando de 2016.

Considera Villar Ponte que hai que construír un sistema político institucional verdadeiramente democrático e descentralizado que supón a desaparición dos vellos partidos para vivirmos en verdadeira liberdade. Para eses obxectivos Galiza debía no parlamento español formar un bloque con representantes vascos e cataláns que partillen eses devezos. Ás veces non evita o enfrontamento persoal como cando lle escribe unha carta aberta á súa “ilustre inimiga” a Condesa de Pardo Bazán ou cando en controversia con Jaime Solá, de Vida Gallega, afirma ser, Antón, unha persoa honrada, consecuente coas súas ideas, e orgulloso (non vaidoso).

Ao se cumpriren os dous primeiros anos das IF renova a súa defensa da lingua (gábase do uso dun galego culto que non se vira nos cen anos anteriores), a súa crítica ao rexionalismo en castelán e tamén ao centralismo, a súa crenza na irmandade con Portugal e a súa cultura e está moi atento ao agromar de moitas nacións despois da I Guerra Mundial. Consciente do fito histórico que supuñan as IF escribe[14] (1918):

“Nós témola savia da verdade, a forza da razón, a integridade do sintimento natural, o imperativo categórico, aloumiñado pol-a tradizón, nado no lóxico e no biolóxico, que leva, cando conquire a vountade da xuventú, ôs pobos ô cumprimento dos seus destinos”.

VII

Ramón Villar Ponte (1890-1953), profesor, político e xornalista, irmán de Antón, é outra peza decisiva nestes anos para as IF. Casará en 1919 con Teresa, irmá de Micaela, polo que os fillos del e de Antón levarán os apelidos Villar Chao. Colabora en Ferrol con Quintanilla, sendo autor en 1921 da Doctrina nazonalista[15]. En ANT avalía o rexurdimento político de Polonia mantendo o idioma e aplaude a asemblea de concellos de Cataluña e a determinación dos secretarios municipais cataláns de esixir o coñecemento da súa lingua propia. Considera a Euskadi e Cataluña nacións irmás e avoga pola reconstitución plena e íntegra da nación galega dentro do estado, prognosticando que esas nacións do estado gozarán de integral autonomía.

Próximo ao federalismo que propuña Pi i Margall (1824-1901) para a I República, considera que unha España plurinacional e fraternal poderá salvarse e revitalizarse. Isto é: a plurinacionalidade non sería causa da destrución do estado senón ao contrario, elemento da súa vertebración e vitalidade. Para el o asimilismo e a uniformización española fracasaron e a existencia da nación –das diversas nacións- garante que existan demandas nacionais.

Galiza, en opinión de Ramón, quere ser libre e debe defender os seus intereses abrindo os ollos aos seus problemas e necesidades e loitando. Mentres a nación soberana non oprime por ser o resultado da solidariedade dos intereses da cidadanía, o estado centralista resulta impositivo e artificioso, opresor e destrutor das nacións que deben agruparse libremente nun estado federal.

Apela Ramón á necesidade de indignación e rebelión que debe nutrir o combate galeguista para facer oposición á oligarquía e ao caciquismo. Na súa opinión, o galeguismo non é un partido máis senón a fusión das inquedanzas da maioría social, por iso non finará xamais.

Este Simposio debe facernos repensar o relato interesado e sectario das IF que deixou no esquecemento a grandes figuras irmandiñas como Ramón Villar Ponte, mentres sublimou a presenza doutras, caso de Vicente Risco.

 

VIII

O avogado Luís Peña Novo (1893-1962) sería concelleiro nacionalista na Coruña (1920), e ostentaría diversos cargos na II República. Antes da guerra publica La Mancomunidad gallega (1921) ou Nuevas orientaciones sociales (1929). En ANT aborda os problemas agrícolas referidos á produción e os agrarios na súa dimensión social, de distribución e organización. Para el tan vítimas do caciquismo son os obreiros como os esquecidos labregos.

No plano cultural distingue as vellas figuras do pasado coas grandes figuras deste tempo, simbolizadas sen dúbida por Ramón Cabanillas, quen ademais de publicar poemas é un verdadeiro patriota, defende a Rodrigo Sanz e a Pi i Margall e entende a soberanía como un conxunto de accións desde o florecer da fala á eliminación dos foros e as deputacións pasando pola municipalización de servizos públicos. Outra vez creo estar ouvindo falar de 2016.

Peña Novo tampouco cuestiona a unidade española, entende a nación como unha relixión pero tamén como unha entidade que debe ser recoñecida polo estado e defende o dereito foral galego, un conxunto de leis que reflictan os nosos costumes e personalidade. Considera as IF como un movemento de xentes honradas que defenden a dignidade e o interese xeral fronte ao “goberno” caciquil dos García Prieto e Gasset, Bugallal, González Besada e o Marqués de Riestra que (des)gobernan as catro provincias galegas. Para el unha das conquistas das IF é que xa “gobernan” sen teren deputados no parlamento, fano desde a oposición porque coa súa praxe e co seu discurso e argumentos aguilloan aos deputados con asento nas Cortes.

IX

Luís Porteiro Garea (1889-1918), avogado e profesor na USC, anima a usar a lingua como “seipamos”, a recuperala porque está en nós, a empregala na xustiza. A que a saiban os notarios. As IF deben espertar á cidadanía para un combate que fusiona as cuestións políticas, económicas, sociais e culturais. Os camiños de ferro, o gando e a conserva de sardiña, a industria afogada polos aranceis (español e estranxeiro) aparecen nos seus textos xunto co renacemento artístico, literario e musical con especial atención aos coros. O caciquismo é para el unha ferramenta do centralismo que se fai forte nos concellos e deputacións.

Moitas destas ideas están contidas no seu discurso, publicado, de 28/V/1916 ao se constituír a IF de Compostela. Porteiro distingue a patria grande única (España) da patria pequena (Galiza) como Banet Fontenla considera que sendo bos galegos é que seremos “bos cidadaos españoles”. Porteiro considera tamén a Ramón Cabanillas o poeta nacional que nos libera do sono mortal e non aforra louvanzas a quen considera guías do movemento irmandiño: Antón Villar Ponte, Rodrigo Sanz e Aurelio Ribalta.

X

Johan Viqueira (1886-1924), doutor e catedrático de secundaria formado na ILE e tamén en Francia e Alemaña, defende o uso da ortografía portuguesa (erudita, etimolóxica, histórica) para sermos lidos no mundo lusófono polo que ademais de lermos os clásicos galegos propón lermos os “cuasi nosos clásicos portugueses”.

Alude en varias ocasión ao caso flamenco, o holandés que se fala en Flandes. Unha lingua propia das clases humildes marxinada pola presión e a influencia do francés. Fronte a unha lingua galega vulgar e popular, moi degradada, propón un modelo de lingua útil na ciencia, no comercio e tamén na literatura.

Propón Viqueira crear unha Facultade de Filosofía na USC para a formación de mestres, reorganizando titulacións e centros universitarios. Coñecendo o país e as súas necesidades debe impulsarse na súa opinión un ensino técnico que forme arquitectos, enxeñeiros, técnicos agrícolas e industriais cun profesorado contratado por catro anos e renovábel seguindo o modelo dos Estados Unidos.

É partidario dunha mocidade idealista, romántica e por iso galeguista que debe ler a nosa literatura, emocionarse coa nosa poesía. Ao longo de varios números de ANT baixo o título “Nosos problemas educativos” reflexiona sobre o papel central da escola na vida dun país, da incorporación do galego ao sistema educativo e dos problemas específicos do ensino primario, secundario e universitario sen esquecer a formación profesional.

De non sermos desprezativos coa nosa lingua e cultura, opina Viqueira, seremos libres, cultos e cosmopolitas. Avoga igualmente por unha educación estética desenvolvida con tacto, entusiasmo e constancia e por uns mestres chamados a ser a aristocracia do país, que deben estar formados e que lonxe de prohibidores sexan entusiastas animadores e introdutores do uso do galego no ensino.

XI

Xaime Quintanilla (1898-1936) foi médico, director de El Correo Gallego, promotor de Céltiga, autor da novela Saudade e das obras teatrais Donosiña e Alén. Posteriormente militante do PSOE foi alcalde de Ferrol e sería fusilado en 1936. Usa as páxinas de ANT para defender bravamente o ideario e a práctica nacionalistas. Anima desde o seu grupo ferrolán a loitar e traballar sen desmaio por ese ideario. Para el a realidade española é a das nacións que a integran, unhas nacións que na esfera europea foron liberadas polo resultado da I Guerra Mundial (cita os casos de Polonia, Finlandia e Irlanda). Defende a fala e as enormes posibilidades que lle brinda ao galego o portugués, fala que é lingua, non dialecto do español. Vítima da censura que denuncia, defende as liberdades colectivas que se derivan da redención de Galiza, considera a música como un elemento que identifica as nacións (cita tamén o caso flamenco) e ataca esa España de pandeireta, de navalla na liga, a do “pintureirismo toureiro”. Tamén agora cremos estar ouvindo falar da situación actual.

XII

ANT operou dentro da súa inmensa pluralidade de matices na busca de adhesión para unhas mensaxes e para unhas ideas que quedaron insinuadas e comentadas nesta intervención. Que serán abordadas por outros colegas. É un medio ao servizo dun ideario que entrou en competencia con outros medios e outros discursos. Neste sentido practicou unha modalidade que hoxe chamaríamos intrusión. Intrusión ideolóxica, intrusión política, intrusión metodolóxica, intrusión mediática, intrusión idiomática. ANT debemos entendela no seu contexto como todos os textos e obras humanas.

De hoxe actuaren as IF seguro que estarían moi activas e moi presentes nas redes sociais de máis impacto e formarían parte da comunicación dixital que hoxe posuímos. Ou padecemos. Ou coproducimos.

Hoxe estamos neste Simposio coa firme intención de aprender porque aínda que creamos sabelo todo das IF, todo admite sempre unha reviravolta, o que a xente moza chama “unha pensada”. Ogallá contribuamos a ese novo pensar. No Simposio, por exemplo, considerouse artificiosa a dialéctica entre unhas IF culturalistas e outras políticas.

As sesións deste Simposio van permitir efectivamente repensar os problemas colectivos establecendo unha ligazón centenaria entre o pasado e o presente. Para ben ou para mal na época das IF pensáronse moitos dos nosos problemas perennes. Que seguen aquí entre nós. Debullémolos para entre todas as persoas que cremos no compromiso co país, coa nación galega, albiscar un futuro. Un futuro digno. No que se cumpran os mellores soños irmandiños. Moitas grazas.

 

BIBLIOGRAFÍA

A(lvariño), R(amón) (1919): Compendio de gramática galega, A Coruña, Imp. Nova.

A Nosa Terra (1988): A Coruña,  Edman.

Beramendi, Justo (1981): Vicente Risco no nacionalismo galego, A Coruña, Cerne.

Beramendi, Justo  e Núñez Seixas, X. M. (1995): O nacionalismo galego, Vigo, A Nosa Terra.

Beramendi, Justo (2007): De provincia a nación, Vigo, Xerais.

Cabanillas, Ramón (1917): Da terra asoballada, Cibdá de Arousa, Imp. de Galicia Nueva.

Cochón, Luís ed. (2016): Arredor das Irmandades da Fala, Vigo, Xerais.

Cores Trasmonte, Baldomero (2005): Luís Porteiro Garea, Santa Comba, TresCtres.

Diéguez Cequiel, Uxío-Breogán ed. (2016): As Irmandades da Fala (1916-1931), Santiago, Laiovento.

García Negro, María Pilar (2016): “A resurreición da lingua nas Irmandades da Fala”, Uxío-Breogán Diéguez, ed., As Irmandades da Fala (1936-1931), Santiago, Laiovento, pp. 47-60.

Henríquez Salido, Mª do Carmo (1992):A língua e a gramática nas Irmandades da Fala, A Nosa Terra, (1916-1920)”, Actas do III Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza, A Coruña,  A.ga.l, pp. 173-211.

Henríquez Salido, Mª do Carmo (1999): “As ideias lingüísticas no boletim A Nosa Terra (1921-1925)”, Actas del I Congreso Internacional de la Sociedad Española de Historiografía Lingüística, Madrid, Arco Libros; Santiago,  C. Ramón Piñeiro, pp. 373-386.

Ínsua, Emilio Xosé (2002): Antón Villar Ponte, vida, obra, traxectoria cívica e pensamento (Tese de Doutoramento), USC, Facultade de Filoloxía, Dpto. de Filoloxía Galega.

Ínsua, Emilio Xosé e Nuevo Cal, Carlos (2003): O primeiro Antón Villar Ponte, Lugo, Fund. Caixa Galicia.

Ínsua, Emilio Xosé (2004): Antón e Ramón Villar Ponte : unha irmandade alén do sangue, Santiago, Centro Ramón Piñeiro.

Ínsua, Emilio Xosé (2005): Sobre O Mariscal, de Cabanillas e Villar Ponte, A Coruña, Biblioteca-Arquivo F. Pillado.

Ínsua, Emilio Xosé (2006): Antón Villar Ponte e a Academia Galega, Vilaboa, Edicións do Cumio.

Ínsua, Emilio Xosé (2016): A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), A Coruña, Baía.

Ledo Andión, Margarita (1982): Prensa e galeguismo, Sada, Edicións do Castro.

Lugrís Freire, Manuel (1922): Gramática do idioma galego, A Coruña, Imp. de Zincke Hermanos.

Marco, Aurora (2016): “A presenza feminina nas Irmandades da Fala. Amparo López Jean”, Uxío-Breogán Diéguez, ed., As Irmandades da Fala (1916-1931), Santiago, Laiovento, pp. 209-242.

Monteagudo, Henrique (2016): Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional: antoloxía, A Coruña, RAG.

Novo Cazón, José Luis (1995): Lois Peña Novo, Vigo, Ir Indo.

Peña Novo, Lois (1921): La Mancomunidad gallega, Vigo, Roel. (desa obra hai unha ed. de 2005, Cesuras, Biblos, con intr. de J. Beramendi).

Peña Novo, Lois (1929): Nuevas orientaciones sociales, Vigo, El Pueblo Gallego.

Peña Novo, Lois (1982): Obra completa, Santiago, USC, ed. de J. Beramendi e M. Roca.

Pereira, Carlos e Romero, Ana (2011): Xaime Quintanilla Martínez, Santiago, Fund. Luís Tilve.

Piñeiro, Ramón (1969): Xohan V. Viqueira, Buenos Aires, Irmandade Galega.

Porteiro Garea, Luís (1917): Discurso (…) ô fundarse a Hirmandá en Santiago, Santiago, Tipografía Galaica (hai unha 2ª ed. en 1932, Santiago, Nós).

Quintanilla, Xaime  (1921): Alén, Ferrol, Céltiga.

Quintanilla, Xaime (1922): Saudade, Ferrol, Céltiga.

Quintanilla, Xaime (1997): Donosiña, A Coruña, Biblioteca-Arquivo F. Pillado, ed. de Laura Tato.

Quintanilla Rico, Blanca (1998): Biografía de Xaime Quintanilla Martínez, Ferrol, Ateneo Ferrolán.

Rabuñal, Henrique (1992): “O teatro galego na época das Irmandades da Fala”, Actas do III Congresso Internacional da Língua Galego-Portuguesa na Galiza, A Coruña, A.ga.l., pp. 491-505.

Rabuñal, Henrique (1994): Textos e contextos do teatro galego (1671-1936), Santiago, Laiovento.

Rabuñal, Henrique (2005): Palabra e patria, Santiago, Laiovento.

Rabuñal, Henrique (2006): Manuel Lugrís Freire, Vigo, A Nosa Terra.

Rabuñal, Henrique (2012): Escritos sobre teatro galego (2000-2012), Saarbrücken, Editorial Académica Española.

Rabuñal, Henrique (2016a): “Teatro arredor das Irmandades da Fala”, Uxío-Breogán Diéguez, ed., As Irmandades da Fala (1916-1931), Santiago, Laiovento, pp. 267-292.

Rabuñal, Henrique (2016b): “As Irmandades da Fala e o compromiso de Antón Villar Ponte”, Suplemento Saberes 525 de La Opinión (A Coruña), 6-II-2016.

Regueira Varela, Ramón (1992): X. V. Viqueira: teoría e praxe, Iria Flavia, Novo Século.

Roca Cendán, Manuel (1982): Lois Peña Novo: vida e pensamento político e económico, Sada, Edicións do Castro.

Tato, Laura (2016): O teatro nas Irmandades da Fala, A Coruña, RAG.

Torres Regueiro, Xesús (1987): Xoán V. Viqueira e o nacionalismo galego, Sada, Edicións do Castro.

Villar Ponte, Antón (1916a): Nacionalismo gallego, A Coruña, La Voz de Galicia.

Villar Ponte, Antón (1916b): “A bandeira ergueita”, ANT, 1.

Villar Ponte, Antón (1918): “O segundo aniversario da fundazón das Irmandades”, ANT, 56.

Villar Ponte, Antón (1971): Pensamento e sementeira, Buenos Aires, Galicia.

Villar Ponte, Antón (1977): O sentimento liberal na Galiza, A Coruña, RAG (con resposta de R. Otero Pedrayo).

Villar Ponte, Antón (1996): Os evanxeos da risa absoluta, Vigo, AS-PG, ed. de Emilio X. Ínsua.

Villar Ponte, Antón (1998): Entre dous abismos, A Coruña, Biblioteca-Arquivo F. Pillado, intr., ed. e notas de Emilio X. Ínsua.

Villar Ponte, Antón (2002): A patria do labrego. Almas mortas, A Coruña, La Voz de Galicia, intr. de Emilio X. Ínsua.

Villar Ponte, Ramón (1921): Doctrina Nazonalista, Ferrol, El Correo Gallego.

Villar Ponte, Ramón (1927): Historia sintética de Galicia, A Coruña, Nós.

Villar Ponte, Ramón (1933): Breviario da autonomía, Santiago, Nós.

Villar Ponte, Ramón (1977): A xeración do 16, A Coruña, RAG (resposta de R. Cabanillas).

Villar Ponte, Ramón (1991): Obra política de RVP, Sada, Edicións do Castro, estudo e notas de J. Beramendi e Monterroso Devesa.

Villar Ponte, Ramón (2001): O feito lingüístico galego, A Coruña, AS-PG, ed. de Pilar García Negro e Goretti Sanmartín.

Villar Ponte, Ramón (2006): Textos filosófico-políticos de RVP, Lugo, Deputación, ed. de X. Blanco, Mª Pilar García Negro e Goretti Sanmartín.

Villar Ponte, Ramón (2006): Nicomedes Pastor Díaz, Santiago, Fund. Caixa Galicia.

Viqueira, Johan (1918): “Nosos problemas educativos”, ANT, 50/51/52/54/56/57/58/60/61/62.

Viqueira, Johan (1930): Ensayos y poesías, A Coruña, Nós.

Viqueira, Johan (1974): Ensaios e poesías, Vigo, Galaxia.

Viqueira, Johan (1974): Escolma de traballos, A Coruña, RAG.

Viqueira, Johan (2012): Obra seleta, Sant Cugat del Vallés, Edições da Galiza.

 

 

[1] Usaremos as abreviaturas ANT (A Nosa Terra), DLG (Día das Letras Galegas), ed. (edición/editor), Fund. (Fundación), IF (Irmandades da Fala), ILE (Institución Libre de Enseñanza), Imp. (Imprenta), intr. (introdución) e RAG (Real Academia Galega). Este traballo publicouse no volume  Repensar Galicia. As Irmandades da Fala, 471-487 (2017, Santiago, Museo do Pobo Galego/Xunta).

[2] Tamén autor de múltiples e estimulantes traballos (2003; 2004; 2006) sobre os irmáns Villar Ponte, dunha tese sobre Antón (2002) e de diversas edicións de obras do propio Antón (1996; 1998; 2002; 2005) e a quen agradezo algunha corrección para este traballo noso.

[3] Editor de Castelao, Peña Novo, Ramón Villar Ponte ou Risco, o profesor Beramendi culmina en De provincia a nación un longo e profundo traballo do que forman parte Vicente Risco no nacionalismo galego ou o O nacionalismo galego.

[4] Fixémolo para a elaboración dos nosos traballos sobre o teatro galego (1992), (1994), (2005), (2006), (2012) e (2016).

[5] Segue sendo útil a consulta do libro de Margarita Ledo Prensa e galeguismo.

[6] Usamos a reedición de Edman aínda que presente erros e lagoas. Todas as citas serán ao tomo I indicando no seu caso o número entre paréntese.

[7] Noutras etapas ANT sae cada 15, 20 ou 30 días.

[8] Conseguen ser elixidos concelleiros Luís Porteiro e Iglesias Roura.

[9] Resultan valiosas as reflexións da profesora Henríquez Salido (1992) e (1999). Tamén poden consultarse, entre os traballos máis recentes, o de María Pilar García Negro (2016).

[10] En 1922 será Lugrís Freire quen edite a súa Gramática do idioma galego ampliada nunha nova ed. en 1931.

[11] Recollemos aquí una parte do que escribimos en (2016b).

[12] Obras de forte intención social como El peso de una ley (contra a redención do servizo militar con cartos) e A patria do labrego (contra o caciquismo). É autor ademais de Entre dous abismos, Almas mortas, O Mariscal con Cabanillas,  A probiña que está xorda, Os evanxeos da risa absoluta, Nouturnio de medo e morte, A festa da malla ou Xuana de Vega.

[13] Antón sumarase á ING de Risco, logo participa na ORGA de Casares Quiroga e na Federación Republicana, sendo deputado en 1931 promovendo o estatuto e liderando a minoría republicana galega. Presidente de Cántigas da Terra, afíliase ao PG, ingresa na RAG en 1934 co discurso O sentimento liberal na Galiza respondido por Otero Pedrayo e obtén acta de deputado pola Fronte Popular en 1936 non chegando a tomar posesión pois falece aos 55 anos en marzo de 1936.

[14] Durante o franquismo a súa figura fica silenciada até a dedicatoria do DLG, a ed. de Pensamento e sementeira (1971), do seu discurso de ingreso na RAG (1977) e, máis recentemente, a traballos como os citados do profesor Emilio Xosé Ínsua.

[15] Autor dunha Historia sintética de Galicia e dun Breviario da autonomía, é biógrafo de Pastor Díaz. O seu discurso de ingreso na RAG versou sobre A xeración do 16. Nos últimos tempos editouse a súa Obra política (1991) e os seus Textos filosófico-políticos (2006). En 2001 as profesoras García Negro e Sanmartín Rei editaron O feito lingüístico galego.

 

Este traballo publicouse no volume Repensar Galicia. As Irmandades da Fala, pp. 471-487 (Santiago de Compostela, Museo do Pobo Galego/Xunta de Galicia).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *