MARÍA HELENA BARCALA DE TROIA

María Helena Barcala de Troia

Henrique Rabuñal

O último espectáculo do Teatro do Atlántico (1985) devólvenos á esencia da alta comunicación teatral e inscríbese neste teatro galego imprescindíbel, tanto digno na súa execución como pobre en medios e recursos. A crise ou o que realmente for afectou dunha maneira rotunda a todas as manifestacións da cultura e tamén ao teatro polo que non podemos senón celebrar a resistencia desta arte tan social, tan viva, tan incómoda.

A Helena de Troia permítenos gozar do traballo da actriz María Barcala a quen xa coñecemos por unha longa e premiada traxectoria no oficio da interpretación. Pola súa sensibilidade interpretativa circula a cultura teatral contemporánea das últimas décadas. Nesta obra de Miguel del Arco traducida por Inma L. Silva, ela soa monologa pero tamén dialoga cos espectadores achegando cuestións de plena actualidade que formulan grandes interrogantes sobre a condición feminina e humana, a escrita do relato histórico ou a cultura bélica tan arraigada na nosa civilización.

Vestida de vermello por Susa Porto sobre unha escenografía impresionista e efectiva de Antonio Simón, María Helena Barcala cóntanos a súa biografía en relación cos homes: violada por Teseo, esposa á forza de Menelao, namorada de Paris e tamén vítima dunha guerra que dura unha década e conclúe coa destrución de Troia. A humanidade como intensificadora da violencia en todas as escalas, o teatro como espello certeiro do noso hoxe: as violencias machistas, a falsificación da historia, o belicismo ou as inxustizas.

Con dirección de Xulio Lago, María Barcala agasállanos cunha interpretación que aproveita todos os recursos e todos os meandros dunha actriz portentosa: a voz e o ton, a mirada e a linguaxe corporal, o movemento, as palabras e os silencios, as luces e as opacidades dun traballo tan eficaz como conmovedor.

A Cunqueiro, que cría nos mitos, habíalle gustar moito esta proposición do Teatro do Atlántico. O pasado e o presente veñen enlazados nun intenso abrazo. O teatro resiste cos seus elementos esenciais: unha actriz e a súa palabra. Máis unha vez: viva o teatro!

Publicado o 8/12/2017 en

http://cadenaser.com/emisora/2017/12/08/radio_coruna/1512756200_088515.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *